Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta e a Fundación Paideia Galiza impulsan os premios Mans Futuro para recoñecer a excelencia do alumnado dos Conservatorios Superiores


— A XVIII edición destes galardóns recupera as probas presenciais e a persoa gañadora gravará un traballo discográfico

— O prazo de inscrición estará aberto do 1 ao 21 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza impulsan a XVIII edición dos Premios Mans Futuro, que recoñecen a excelencia do alumnado dos conservatorios superiores de música de Galicia e promoven a súa proxección. Este ano a convocatoria recupera as probas presenciais.

Poderá concorrer a estes premios, financiados pola Fundación Paideia Galiza, o alumnado dos conservatorios superiores de música dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, situados na Coruña e Vigo. Deberán ter unha cualificación de sobresaliente ou matrícula de honra no traballo fin de estudos na especialidade de interpretación no ano académico anterior ao da convocatoria dos premios ou no mesmo ano académico.

A persoa que resulte galardoada co primeiro premio realizará unha gravación discográfica, mestura, edición e masterización dun repertorio de 45 minutos, xa sexa como solista ou cun máximo de dous acompañantes, en sistema de gravación a disco duro en HD 3 de Pro Tools. Ademais poderá gravar un vídeo en falso directo cunha duración máxima de tres minutos.

No caso dos recoñecidos coas dúas mencións de honra, os premios consisten na gravación dunha maqueta dun repertorio de 25 minutos e a gravación dun vídeo en falso directo cunha duración máxima de tres minutos. Todas as gravacións desenvolveranse nos Estudios Mans da Coruña no prazo de tres meses contados a partir da data de publicación da concesión dos premios.

Prazos e requisitos
Para participar os interesados deberán cumprimentar o formulario de inscrición e presentalo na secretaría do conservatorio no que cursase as ensinanzas entre o 1 e o 21 de setembro de 2023, ambos os dous días incluídos.

As persoas inscritas que cumpran os requisitos deberán realizar unha proba de instrumento, ou de canto, segundo corresponda, nos Estudios Mans no mes de novembro de 2023, que consistirá na execución dun programa de concerto, integrado por obras libremente elixidas. O repertorio deberá estar formado por tres pezas (obras ou fragmentos da obra) de diferentes estilos, dunha dificultade acorde co nivel destas ensinanzas e cunha duración máxima de 30 minutos entre as tres. A persoa aspirante unicamente se poderá presentar ao premio de xeito individual realizando a interpretación como solista, con acompañamento da agrupación que precise, se é o caso.